A historia de Dante Chirichini é unha das primeiras que coñecen os pequenos inchas da Roma. Ao tempo que absorben as aventuras dos heroes que vestiron a camisola giollorosa descobren as andanzas dun varredor da capital italiana que acabou por converterse nunha lenda no estadio olímpico grazas ao seu infinito amor polo equipo romano.
Todo comezou en novembro de 1960. Dante era un dos habituais descoñecidos do vello estadio olímpico. Sen embargo, tras o partido contra o Padua, mentres os afeccionados abandonaban a bancada en calma, Chirichini saltou ao campo coa súa bandeira grana e deu a volta ao terreo de xogo en medio do entusiasmo de quen asistían á escena que lle boureaban entre bromas. A imaxe conmoveu a moita xente. Era cómica, pero tamén tenra. Resultaba fermoso ver a un tipo baixiño e panzudo corricar polo campo como un neno, presumindo da súa inmensa felicidade por algo tan inocente como ondear a bandeira e gozar diante dos seus daquel instante.
O público adoptou entón a Dante como un símbolo da Curva Sud, o lugar no que os afeccionados máis pasionais da Roma dan renda solta á súa loucura. Nas rúas da capital era simplemente un modesto varredor que resistía con graza o acoso dos afeccionados da Lazio, pero no estadio era unha especia de sacerdote. A cerimonia sempre era a mesma cada domingo. Chegada ao estadio coa súa vella Vespino un cuarto de hora antes de cada partido, aparcaba á porta e nese preciso momento corría pola bancada o aviso de que Dante xa chegara. Entón todo o mundo gardaba silencio á espera de velo aparecer por un dos vomitorios. Chirichini levantaba os brazos e saudaba á bancada como se fose o Papa dando a bendición aos fieis. O escritor italiano Angelo Bocconetti, romanista confeso e habitual de aquela zona do estadio, explicou mellor que ninguén como se desenvolvía aquela liturxia:
"Chirichini alzábase en toda a súa breve estatura e gritaba: Hoxe é un día belísimo..., a bancada lanzaba un alarido; este é o sinal..., outro ouveo colectivo, ...de que a Roma..., instante de clamor, "...¡Vencerá!". E entón aparecían as pancartas e os berros dos afeccionados. O ritual durou moitos anos e converteu a Dante nunha personaxe indispensable da paisaxe futbolística italiana ao que incluso invitaban as afeccións rivais nos encontros que a Roma xogaba lonxe da capital. A súa era unha paixón ben entendida, limpa, sen inquietarse maís que o xusto polo rival, sen outra meta que festexar as vitorias das súas cores. Vivía os partidos con tanta intensidade que incluso sufría desmaios e perdas de conciencia nos momentos de absoluto clímax.
Un día de 2003 morreu case só. Apenas lle acompañaron uns poucos amigos que cubriron o seu ataúde cunha das bandeiras que el gardaba na súa casa. Enterrárono co seu uniforme dos domingos: o sombreiro e a bufanda grana coas que acudía ao estadio olímpico. Pero non houbo sitio para o recordo nin para homenaxes ao varredor que durante décadas arengaba aos miles de afeccionados romanistas.
Fai anos alguén rescatou a súa memoria. Aconteceu durante un partido ante o Boavista na antiga Copa da Uefa. Non eran bos tempos para o cadro grana que malvivía na clasificación. Os afeccionados decidiron espertar o espírito dos xogadores e elixiron a Dante Chirichini. Ese día o fondo despregou unha gran pancarta na que se podía ler "Atentos rapaces, Dante obsérvavos dende o ceo".
Aquel xesto espertou a moita xente que comprendeu o inxusto esquecemento cometido cuns dos seus símbolos, cun dos seus referentes morais. Poucas semanas despois alguén recuperou a vella Vespino de Dante e colocárona dentro do estadio, xunto á curva. Pouco antes de comezar o partido ante a Reggina, Francesco Totti, o neno que sempre creu que o mellor que lle podía pasar na vida era vestir de grana, achegouse á motorino cun ramo de flores. Depositouno no seu asento e lanzou un bico ao ceo. Totti era un de tantos seguidores giallorosos aos que un día houberon de contarlle quen era aquel varredor que cada domingo poñía o estadio olímpico aos seus pés.
Artigo extraido do "Fanzine Oficial Riazor Blues Nº 129"
No hay comentarios:
Publicar un comentario