A noticia saiu nalgúns medios, de fontes algo difusas pero dende logo coherente co camiño que está a emprender o fútbol de elite. Contaban que en Qatar, ese Estado petrolífero e escasamente demócrata, os xeques que xa conseguiron un Mundial están intentando organizar nos seus dominios unha Champions planetaria, exclusiva para os grandes clubs e os xigantescos patrocinadores. E iso é o triste futuro dun deporte. Multinacionais e magnates insultantes levándose a diversión a casa, en artificiais estadios baleiros, sen nervio nin identidade. Ese é o fútbol moderno. O mesmo ao que pancartas e cánticos, por exemplo en Riazor, xúranlle "odio eterno". " O fútbol foi identificado como unha peza potencialmente lucrativa da cultura da clase traballadora, así que foi confiscado e reenvasado, transformado nun ben de consumo controlado por millonarios arribistas", sinala o escritor e activista británico Owen Jones. Así é. A diversión obreira por excelencia quérena converter nunha peza máis da globalización capitalista, lonxe das súas orixes e cada vez máis preto do videoxogo que do grato rito colectivo.
Mais quedan aldeas. Un chisco contaminadas pola elite e tamén polos moitos excesos que acompañan ao fútbol. Pero reais. Onde a bóla aínda é propiedade do pobo. Eu vivo nunha. Cun estadio a carón do mar, unha camiseta branquiazul e un escudo con algúns elementos que sobran -ese L- pero que tamén é o único de todos os principais equipos do seu territorio no que aparece unha bandeira de fondo branco con franxa azul. A do seu país. Miña aldea futbolística chámase Dépor. Hoxe xoga o seu derbi nacional. Enfronte o Celta.
Lembro decenas de partidos como este. Non hai outro igual. O único equipo da Galiza que sabe gañar títulos contra o sou principal perseguidor. Un encontro de verdade, dos que se xogan durante semanas nos bares de Monte Alto ou Teis, non como ese tan malos que comezan e acaban nun palco VIP.
Aquí -cando eramos algo máis ricos pero aínda humildes- fomos rebeldes, rebentando a casa do poderoso (quen pode esquecer o centenariazo ou a Liga?).
Pero tamén xogamos en categorías pequenas, e tan felices. O primeiro derbi que vin en directo foi en Segunda. O último, ata o de hoxe, tamén. Foron un grandioso espectáculo.
Hoxe hai Dépor-Celta enm Riazor. Un deses marabillosos partidos que nunca se xogarán en Qatar. Nin falta que fai".
Artigo extraido de "SERMOS GALIZA" (15/03/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario